Skip to main content
Estudos de caso
Galego
Semente, Santiago de Compostela
Photo by Marcos López Pena

O galego é a lingua propia de Galiza, actualmente unha comunidade autónoma do noroeste de España. O galego e o portugués fan parte dunha mesma raíz lingüística que se desenvolveu, como outras linguas romances, a partir dos dialectos do Latín vernáculo. Aínda que a maioría da cidadanía galega entende e fala galego, a lingua é vulnerábel debido á ruptura da transmisión xeracional derivada, entre outros factores, dunha situación de desprestixio social. Porén, existen iniciativas, especialmente nos contextos urbanos, onde a presenza do galego é menor, que promocionan e defenden o uso da lingua galega.

Sobre o proxecto

Este proxecto desenvolve un estudo de caso en torno ás iniciativas de revitalización lingüística na Comunidade Autónoma de Galiza. Tenta examinar as dinámicas establecidas na revitalización lingüística de base, focalizándose na Semente: un proxecto de revitalización iniciado no 2011 por un grupo de falantes e activistas da lingua galega en áreas urbanas. O obxectivo da Semente ten sido fornecer escolas de inmersión lingüística en galego para crianzas en idade preescolar.

Neste proxecto centrámonos no rol do profesorado, pais e nais, crianzas, activistas da lingua e falantes que se teñen involucrado no proceso de revitalización, así como tamén, nas súas tentativas para pór en funcionamento políticas lingüísticas de base. O proxecto analiza o papel desempeñado por diferentes actores sociais e o efecto dos seus esforzos para crear novas comunidades de práctica e unha nova xeración de galegofalantes en espazos urbanos. A través dun estudo etnográfico da Semente como movemento social, profundaremos na circulación dos elementos ideolóxicos que sosteñen unha maneira singular de entender a planificación de ideoloxías lingüísticas, especialmente en grupos pequenos implicados na revitalización de linguas.

Investigadores Principais

Marcos López Pena leva involucrado na revitalización da lingua galega desde 2007. É un membro activo de asociacións culturais que promocionan a cultura e identidade galegas. É Responsábel de Administración da Semente Compostela e membro do grupo de coordinación nacional das Asociacións Semente.

Bernadette O’Rourke é catedrática de Sociolingüística na Universidade de Glasgow. Leva traballado coa comunidade galega desde o 1998 e desenvolvido, durante ese período, fortes ligazóns con diferentes membros da comunidade de fala galega. Foi presidenta da rede Europea COST sobre Neofalantes nunha Europa multilingüe (2013–2017). Ademais do galego, tamén colabora en proxectos sobre o irlandés e o gaélico.

Co-investigador

Alejandro Dayán-Fernández é actualmente doutorando en Sociolingüística na Universidade de Glasgow logo de varios anos a traballar na Xestión de Proxectos Lingüísticos para organizacións internacionais. A súa tese xira en torno ás dinámicas sociolingüísticas, culturais e identitarias de comunidades periféricas minorizadas cunha historia de migración económica que asentan en espazos urbanos hexemónicos. A diáspora galega no Reino Unido foi a elixida como estudo de caso. A súa formación interdisciplinaria combina Ciencia Política, Estudos de Tradución, Comunicación Intercultural e Sociolingüística.


Support the Folklife Festival, Smithsonian Folkways Recordings, Cultural Vitality Program, educational outreach, and more.

.